Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación contribúe a reactivar a economía da Mariña cunha App para a promoción turística

José Tomé Roca
A Mariña
O Presidente presentou xunto aos alcaldes, alcaldesas e representantes municipais dos 16 concellos mariñanos unha ferramenta tecnolóxica que ofrece un acceso rápido e sinxelo a información clara e actualizada sobre recursos patrimoniais, hostalería, rutas, actividades ou eventos de interese para visitantes e residentes

José Tomé subliñou que “neste momento, esta ferramenta dixital de promoción turística que impulsa a Deputación axudará a paliar os desastrosos efectos que tivo para o turismo, a hostalería e o comercio o confinamento e o rebrote do coronavirus”

A Deputación de Lugo contribúe a reactivar a economía da Mariña a través dunha nova App para a promoción turística, Turisgalicia A Mariña, unha guía dixital que permite un acceso rápido e sinxelo a información clara, útil e actualizada sobre recursos patrimoniais, hostalería, rutas, actividades ou eventos de interese para visitantes e residentes da comarca. 

O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e os alcaldes, alcaldesas e representantes municipais dos 16 concellos da Mariña, presentou este xoves xunto á praia do Portelo, en Burela, esta iniciativa, a primeira e única aplicación para dispositivos móbiles que promociona en conxunto o turismo de todos os municipios mariñanos con información turística, recursos e servizos de utilidade, tanto para persoas viaxeiras que visiten o norte da provincia de Lugo, como para a veciñanza.

No acto de presentación tamén participaron o Alcalde do Concello de Burela, Alfredo Llano García, o Presidente da Mancomunidade da Mariña, Francisco Cajoto, a Responsable de Comunicación Turisgalicia, Marta Nogueiro, a Xefa Territorial de Cultura e Turismo de Lugo, María José Gómez, o Presidente da Federación de Comercio da Mariña, José Carlos Paleo e o Presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez-Sierra. 

A nova App de turismo da Mariña contén eventos, experiencias para desfrutar da comarca, rutas, festivais, lugares para visitar, praias e portos deportivos, negocios de hostalaría para comer e durmir, entre outros recursos. Tamén ofrece propostas turísticas relacionadas coa artesanía, espazos pet friendly para o público que viaxa con mascotas e información para peregrinos do Camiño do Norte e do Camiño do Mar. 

O Presidente da Deputación subliñou que esta ferramenta dixital de promoción turística da Mariña que impulsa a institución provincial “é unha aposta concreta para incentivar o turismo na Mariña e, deste xeito, contribuír a recuperar a actividade económica e o emprego da comarca” ante os “desastrosos efectos que tivo para o turismo, a hostalería e o comercio o confinamento e o rebrote do coronavirus”.

José Tomé lembrou que, precisamente nesta liña de contribuír a reactivar a actividade turística, hostaleira e comercial dunha maneira estable e eficaz “vimos traballando dende a Deputación de Lugo dende antes de acabar o Estado de Alarma poñendo en marcha a campaña EN LUGO, SI, que proxecta todos os valores e fortalezas que ten a provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, consumir, o lecer, para pasar as vacacións, e tamén para emprender”.

Actualización diaria
Os contidos da App actualizaranse diariamente con novos eventos culturais e información dos 16 concellos da Mariña: A Pontenova, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove. Tamén inclúe os folletos promocionais das oficinas municipais de información turística para que os visitantes podan consultalos no seu móbil e eviten manipular papeis e previr a Covid-19. 

A App Turisgalicia A Mariña ofrece ademais un servizo de información de utilidade para os concellos e os veciños, xa que integra un sistema de alta de avisos por WhatsApp a través do cal calquera persoa pode recibir voluntariamente, no seu móbil, mensaxes coas novidades municipais, avisos e eventos do concello sobre o que elixa obter información.

A App que está dispoñible en castelán e galego, e pódese descargar en dispositivos android e apple. 

Tomé Roca remarcou a necesidade ter a nosa oferta turística nas redes sociais: “Temos que levar as nosas paisaxes e monumentos á pantalla do móbil. Temos que facer accesible a información polos medios que hoxe emprega a maior parte da poboación, sobre todo os máis novos. E temos que reclamar unha cobertura de redes que garanta que a consulta de información a través do móbil non dependa da ubicación do usuario”.

“O acceso rápido e sinxelo a información clara, útil, actualizada, que interrelaciona hostalería, rutas, monumentos, actividades ou eventos, é hoxe unha ferramenta indispensable”, asegurou o Presidente, ademais de subliñar que “o turismo sostible, de calidade, non masificado, tense que dar a coñecer nas canles xerais, globais, aínda que pareza contraditorio, porque o recurso á tecnoloxía non lle fai perder o seu carácter, senón que lle permite asentarse como alternativa viable”.

“Necesitamos manter o fluxo de turistas e visitantes na Mariña para darnos a coñecer. Para que falen da Mariña no resto de Galicia, de España e polo mundo adiante. Porque da man do turismo increméntase o coñecemento, e nun mundo globalizado, o coñecemento é a primeira ferramenta para atraer investimentos”, afirmou José Tomé. 

Difusión e promoción da App
Para dar a coñecer a App Turisgalicia A Mariña, divulgarase en canles dixitais, redes sociais e internet e distribuirase información sobre ela cun código QR en hoteis, restaurantes e oficinas de turismo dos concellos da Mariña. Tamén haberá folletos informativos en albergues ao longo de todo o Camiño Norte, que abrangue  máis de 800 quilómetros, dende Hondarribia ata Santiago. Difundirase tamén en medios de comunicacións e estará visible en 5 vallas publicitarias da Mariña nas localidades de Foz, Burela, Ribadeo, Viveiro e Barreiros e presentarase en feiras e encontros de turismo.