Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Deportes elaborou un protocolo para conciliar a práctica deportiva e a protección da saúde no Pazo e nos pavillóns anexos

Pazo dos Deportes
protocolo
Covid-19
Protocolo de prevención da covid no Pazo
Clubs e deportistas poden solicitar o uso das instalacións para desenvolver as súas actividades, cumprindo coas indicaciósn recollidas no protocolo

O documento, que segue a normativa de aplicación neste ámbito, pode consultarse na web da Deputación de Lugo

A área de Deportes elaborou un protocolo de prevención e normas de uso para o Pazo dos Deportes e dos pavillóns anexos, con medidas de contención e prevención para limitar ao máximo a posibilidade de transmisión do coronavirus.

O documento, que pode consultarse na web da Deputación de Lugo, recolle as recomendacións establecidas nas distintas ordes, resolucións e normativas emitidas pola Xunta de Galiza e polo goberno do Estado desde que se decretara a alarma sanitaria.

“O obxectivo é conciliar o fomento da práctica deportiva e o uso das instalacións co dereito á protección da saúde no contexto da pandemia causada pola COVID-19. É un documento moi completo, con referencias a todas as directrices que se están a dar para espazos deportivos”, explicou Efrén Castro.

O deputado de Deportes anunciou que “os clubs, asociacións, entidades e deportistas individuais poden solicitar xa o uso das instalacións para desenvolver as súas actividades, seguindo as pautas recollidas no protocolo”.

As solicitudes deben remitirse a encargadopazodosdeportes@deputacionlugo.org ata o xoves anterior ao día para o que se reservan as pistas. Todas as entidades e deportistas que usen as instalacións serán informados das normas recollidas no protocolo, que tamén son publicitadas mediante carteis nas instalacións deportivas.

Medidas de hixiene, limpeza e prevención

Será imprescindible solicitar cita previa para acceder ás instalacións, sexa ás oficinas ou para a práctica deportiva. Neste caso ademais é necesaria unha declaración responsábel e na que se indicarán as persoas que participarán, o horario e o tipo de actividade que se levará a cabo. As solicitudes deberán presentarse mediante correo electrónico e a través da sede electrónica da Deputación.

Habilitáronse puntos de hixiene de mans e de calzado, e percorridos sinalizados para evitar cruces e aglomeracións de persoas. Ademais entre sesións deberá procederse á desinfección e ventilarase o espazo o tempo necesario para a renovación do aire. Os plans de mantemento, limpeza e conservación das instalacións adaptáronse a estas novas rutinas, levando un control específico para as limpezas e desinfeccións.


Os deportistas deben manter a distancia persoal de 1,5 metros, que chegarán ata os 10 metros no caso de que exista carreira dun tras outro. O uso de material será limitado e individual. Algúns, como os balóns, están numerados pra garantir o uso dun pola mesma persoa. Despois de cada sesión, o material deberá ser desinfectado.

Os deportistas deben acudir xa preparados para a práctica deportiva. Os familiares e responsábeis que acudan a recoller aos menores non poden acceder ás instalacións e deben manter a distancia interpersoal no exterior das mesmas, mentres se agarda a saída, que será graduada.

Nos eventos deportivos está permitido o público, sempre que permaneza sentado e que non se supere o setenta e cinco por cento da capacidade permitida, cun límite máximo de trescentas persoas para lugares pechados e de mil persoas tratándose de actividades ao aire libre.

O protocolo irase modificando dacordo coa evolución da situación epidemiolóxica.

 

Podes consultar o protocolo completo aquí