A Deputación de Lugo abastecerase de enerxía eléctrica 100% de orixe renovable
A Deputación de Lugo abastecerá todas as súas instalacións e dependencias de enerxía eléctrica 100% de orixe renovable. Tal e como explicou o Presidente, José Tomé Roca, esta medida está recollida no novo contrato de subministro eléctrico da institución, que foi adxudicado na última Xunta de Goberno, o pasado venres, a Gas Natural Comercializadora SA por un importe anual de máis de 540.000€.
A adxudicación deste contrato, por unha duración de un ano coa opción de prorrogalo ano a ano por outros tres, garante a subministración de enerxía verde, coa acreditación de dita orixe certificada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC).
Esta aposta da Deputación polas enerxías renovables reflicte o seu compromiso co coidado e a preservación do medio ambiente, resaltou o Presidente.
O contrato de subministro eléctrico realizouse a través do acordo marco da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ao que a Deputación se adheriu mediante un acordo plenario a finais do pasado ano.
Ademais do subministro de enerxía verde, este sistema de contratación ofrece outras vantaxes importantes, como a simplificación do procedemento administrativo, unha oferta económica competitiva e a revisión de prezos.