Axenda Institucional
Deputación de Lugo

A Deputación expresa as súas condolencias e pésame polo falecemento de Julio Ulloa Vence

Imaxe deputación de lugo
A institución aplica as disposicións recollidas no Regulamento de Honras e Distincións polo pasamento do ex Presidente da Deputación, incluída a resolución de tres días de loito oficial e a baixada das bandeiras

O Presidente, José Tomé Roca, promoveu a aprobación dunha Declaración Institucional e esta tarde acudirá aos actos fúnebres por Ulloa Vence

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, manifesta en nome da Corporación provincial o pesar polo falecemento de Julio Ulloa Vence e traslada as súas condolencias e afecto á súa familia e amizades. Julio Ulloa Vence foi Presidente da Deputación dende o 17 de xullo de 1963 ata o 23 de abril de 1965, segundo consta nas actas oficiais da entidade, sendo naquel momento o presidente máis novo de España.

José Tomé promoveu a aprobación dunha Declaración Institucional na que a Deputación lembra que esta etapa á fronte da entidade “formou parte dunha longa traxectoria profesional e política que fai que Ulloa Vence ocupe unha parte importante da historia da provincia. Unha traxectoria marcada polo seu compromiso coa natureza, o medio ambiente e a súa actividade no eido cultural”. 

A Deputación de Lugo aplica as disposicións recollidas no Regulamento de Honras e Distincións da institución polo falecemento de Julio Ulloa Vence, incluída a resolución de tres días de loito oficial e a baixada das bandeiras, aínda que neste momento xa se encontran a media hasta pola convocatoria de dez días de loito oficial en memoria das vítimas da COVID-19.

O Presidente acudirá aos actos fúnebres que se celebrarán esta tarde polo pasamento de Ulloa Vence.