Benestar Social e Igualdade
Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación reparte o material de protección proporcionado polo Goberno central nos concellos de menos de 20.000 habitantes

material de protección
coronavirus
Concellos
O Presidente explica que o material de protección se distribuíu de forma proporcional segundo o número de habitantes de cada municipio e foi o persoal do Parque Móbil da institución o encargado de entregalo seguindo un protocolo seguro e eficiente

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, informa de que este venres a institución levou a cabo o reparto de 34.400 mascarillas entregadas polo Goberno central, a través da Subdelegación do Goberno en Lugo, nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. A distribución de material por municipios determinouse de maneira proporcional ao seu número de habitantes, co mesmo criterio que se leva a cabo cos pedidos que realiza a Deputación. 

As tarefas de reparto desenvolveuna o persoal do Parque Móbil da Deputación con once vehículos, unha labor coordinada de tal forma que cobre todos os concellos nun día.  “Seguen un protocolo seguro e eficiente, desta maneira garantimos que cheguen o máis pronto posible, porque canto antes cheguen, antes se poden organizar os concellos para distribuír todo o material de protección”, subliñou Tomé Roca. 

“Dende o Goberno da Deputación imos a seguir colaborando coa máxima lealdade institucional cos concellos e con outras administracións, neste caso co Goberno central, para que os veciños e veciñas da provincia de Lugo estean o máis protexidos posible, e para lograr este obxectivo, en función de como evolucione a pandemia, dende a Deputación estaremos atentos a outras posibles colaboracións para o benestar de todos”, asegurou o Presidente.

“A Deputación é a institución máis próxima aos concellos, e polo tanto á veciñanza, e temos que estar con eles para afrontar a crise do coronavirus unidos e en total coordinación e cooperación, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliñou José Tomé.