Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia obras de mellora da rúa Músico Crisanto de Rábade, nas que inviste máis de 180.000€

Vías e Obras
Rábade
Imaxe deputación de lugo
O Presidente informou de que o vindeiro luns arrancarán os traballos de acondicionamento nesta vía urbana, situada nun treito da LU-P-5102

Ademais da renovación integral da rúa e a pavimentación de zonas de aparcamento e peonís, realizarase unha renovación integral da rede de abastecemento e saneamento, a rede de baixa e media tensión, o alumeado público e a rede de telecomunicacións

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, avanzou que o vindeiro luns iniciaranse os traballos de mellora e acondicionamento da rúa Músico Crisanto, situada nun treito da LU-P-5102, no concello de Rábade. Con esta actuación, na que a institución provincial inviste máis de 180.500 euros, melloraranse uns 150 metros desta vía situada no centro da vila, dende o punto quilométrico 0,033 ao 0,184.

Os traballos que se realizarán nos primeiros 70 metros da marxe dereita consisten na demolición do firme, a pavimentación dunha zona de aparcadoiro e unha zona peonil mediante lousa de granito; e dende o punto quilométrico 0,104 ao 0,184 realizarase a renovación integral desta vía a través da demolición do firme existente e das beirarrúas. Neste tramo tamén se acondicionarán zonas peonís. Ademais da mellora do firme, realizarase unha renovación integral da rede de abastecemento e saneamento, a rede de baixa e media tensión, o alumeado público e a rede de telecomunicacións.

A través destas actuacións veranse beneficiados os preto de 500 veciños e veciñas que viven nesta rúa situada ao carón do campo da feira e da pista polideportiva, na que ademais se atopan unha decena de negocios comerciais.