Deputación de Lugo

A Deputación elaborou plans de protección específicos para as diferentes dependencias co fin de garantir a seguridade no traballo presencial dos empregados fronte ao Covid-19

Pilar García Porto
Imaxe deputación de lugo
Ao abeiro destes protocolos, reanudará plenamente a súa actividade a partir de mañá luns o persoal do Parque Móbil, Vías e Obras e a Granxa Gayoso Castro

Os plans serven tamén para que os traballadores e traballadoras poidan desenvolver o traballo presencial con plenas garantías durante o estado de alarma cando sexa preciso

En previsión das medidas de desescalada que adopten as autoridades sanitarias, con estes documentos a Deputación xa conta desde agora cun instrumento de base e flexible para cando se determine a incorporación progresiva ao traballo presencial

A Deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto, anunciou a elaboración de plans de protección específicos para as diferentes dependencias da institución provincial e tendo en conta a singularidade dos servizos co fin de garantir a seguridade no traballo presencial dos empregados públicos fronte ao Covid-19.

A redacción e aplicación destes protocolos, que está coordinada polo servizo de Prevención de Riscos da Deputación, ten unha tripla finalidade, tal e como explicou García Porto.  

Por unha banda, ao seu abeiro reanudará plenamente a súa actividade a partir de mañá luns o persoal do Parque Móbil, Vías e Obras e a Granxa Gayoso Castro. Así mesmo, os plans serven para que os traballadores e traballadoras poidan desenvolver o traballo presencial con plenas garantías durante o estado de alarma cando sexa preciso, mantendo como prioridade en todo caso o traballo a distancia.  

Ademais, en previsión das medidas de desescalada que vaian adoptando as autoridades sanitarias, con estes protocolos a Deputación xa conta desde agora cun instrumento de base e flexible para cando se determine a incorporación gradual e progresiva ao traballo presencial. Desta maneira, os empregados públicos coñecerán con antelación e tempo suficiente as pautas de actuación e organización para desenvolver con seguridade as súas funcións nos diferentes centros de traballo. 

Os protocolos de seguridade foron abordados o venres polo Comité de Seguridade e Saúde, no que teñen presencia os sindicatos. Os plans inclúen a información aos traballadores, unha fase de formación e tamén a entrega ós empregados de Equipamentos de Protección Individual (EPIs) en función das características e singularidades das funcións que desempeñan.

Nesa documentación, o cadro de persoal recibirá unha análise dos escenarios de risco de exposición ao coronavirus na súa contorna laboral e as medidas de protección que deben adoptar en función do lugar no que se atopen desempeñando a súa función. A raíz deses datos, propóñenselle unha serie de medidas encamiñadas a diminuír ese nivel de risco existente xunto coas recomendacións xerais de protección. Unhas recomendacións que están en continua revisión por parte dos diferentes organismos oficiais, como o Ministerio de Sanidade, e poderán ser obxecto de modificación se a situación epidemiolóxica así o requirise.

Entre as medidas que recolle o protocolo están as seguintes: o persoal debe ter a información sobre o virus e debe estar familiarizado cos procedementos de actuación, cada traballador debe acudir preferentemente ao centro de traballo en transporte privado,  reforzarase a limpeza das instalacións –con especial atención ás superficies que podan ser susceptibles de transmisión-, ventilaranse con frecuencia as dependencias, as reunións estarán limitadas no número de persoas, a hixiene persoal debe reforzarse e, entre outras, débese efectuar unha correcta xestión dos residuos.

Pola súa banda, inclúese cumprida información apoiada en imaxes e infografía sobre como facer un lavado de mans correctamente, como se debe viaxar nos vehículos en función do número de prazas ou o axeitado uso dunha mascarilla. Ademais, facilítanse pautas de actuación no caso de presentar síntomas da enfermidade, en función de se detectan a sintomatoloxía no domicilio ou no lugar de traballo, coa finalidade de que se corran os menos riscos posibles.