Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Os usuarios e traballadores do centro de maiores de Trabada celebran o primeiro aniversario da residencia

José Tomé Roca
Trabada
Aniversario da Residencia de Trabada.IMG01
Durante todo o día participaron en actividades, xogos, degustaron un menú especial e fixeron unha merenda de aniversario na que se proxectaron vídeos de persoas que lles fixeron chegar os seus parabéns, entre elas, unha mensaxe do Presidente

José Tomé destacou a boa nova de que os test de detección do Covid-19 a usuarios e traballadores fosen todos negativos tanto no centro de maiores de Trabada como tamén no de Ribadeo: "É o froito do rigoroso traballo que se está a levar a cabo nas residencias dende finais de febreiro, extremando as precaucións e medidas de seguridade”

Os usuarios e traballadores do Centro de Atención a Maiores de Trabada celebraron este sábado o primeiro aniversario da apertura desta residencia da Deputación de Lugo. Ao longo de toda a xornada desenvolvéronse diferentes actividades e recibiron mensaxes de parabéns pola data e de ánimo para estes días de confinamento, como a do Presidente, José Tomé Roca.

O mandatario provincial felicitounos por este ano que acaban de cumprir no seu novo fogar. “Hoxe gustaríame pasar este día con vós, ao voso lado, falando e conversando xuntos como fixemos xa nalgunha ocasión antes de que chegara a crise do coronavirus”, explicou. 

Tomé destacou ademais a boa nova de que os test de detección do Covid-19 a usuarios e traballadores, tanto na propia residencia de Trabada, como tamén na de Ribadeo, fosen todos negativos: “estádelo facendo moi ben, é unha moi boa nova, pero isto non nos pode permitir baixar a garda, senón que ten que servir para coller máis folgos e forza para seguir sendo disciplinados e cumprindo cos protocolos como ata o de agora. Os resultados que vimos de recibir, todos negativos, son froito do rigoroso traballo que se está a levar a cabo nos centros de atención a maiores dende finais de febreiro, extremando as precaucións e medidas de seguridade". 

Tomé Roca recoñeceu o traballo de todas as persoas que prestan atención no centro de maiores de Trabada e nas outras tres residencias de titularidade provincial: “Grazas polo voso labor, a vosa entrega e a calidade das atencións que lle dades aos nosos maiores. Estades coidando a quen nos coidou a nós, e estádelo facendo con toda a vosa profesionalidade e todo o voso agarimo, e iso é o noso maior orgullo”.

As 26 persoas que residen no Centro de Atención a Maiores de Trabada recibiron tamén mensaxes da Alcaldesa da localidade, Mayra García, dos traballadores dende as súas casas e, entre outras, da cantante Pili Pampín, que lles dedicou unha canción. Pola mañá, desenvolveuse a actividade Pegadas no Camiño, na que os residentes imprimiron unhas ilustracións con forma de pisada nas que escribiron os seus nomes e os nomes de todas as persoas coas que conviviron ao longo destes 365 días. Máis tarde, xogaron a un bingo deseñado polo persoal do centro, no que se repartiron agasallos para todos.

Este sábado serviuse un menú especial, composto por un cocido completo e flan caseiro de sobremesa. Xa pola tarde, o cadro de persoal ao completo acudiu ao centro para acompañar aos residentes nunha merenda na que non faltou a torta, o brinde con sidra sen alcohol e o tradicional canto de aniversario.

“Esta pequena festa fai que este día sexa especial, diferente aos outros, e provoca moita alegría para os nosos maiores, que nestes momentos non reciben as visitas das súas familias, pero están recibindo os mellores coidados e sempre están acompañados”, subliña José Tomé.


Balance positivo
O Presidente, José Tomé, fixo un balance positivo deste primeiro ano de funcionamento do Centro de Atención a Maiores de Trabada. “Vemos as persoas contentas, ben atendidas e que conviven coma se fosen unha familia, algúns xa eran veciños e outros ven dende a fiestra da súa habitación o lugar no que viviron toda a vida”, explica Tomé.

O modelo de residencias da Deputación de Lugo "no que cremos é precisamente o  resultado que observamos no caso de Trabada, persoas que seguen preto dos seus familiares, dos veciños e amigos, mantendo o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade”. O Presidente engade que estas características dos centros provinciais “repercuten no seu benestar físico, pero tamén no benestar emocional”.

A Deputación de Lugo, coa súa rede de centros de maiores situados nos concellos de Trabada, Pol, A Fonsagrada e Ribadeo facilita que “cada persoa poda permanecer no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e ser atendido por persoal que na súa maioría é da súa zona e mesmo coñecen”, asegurou.