Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación cubre o 30% da poboación dos concellos de menos de 20.000 habitantes coa 1ª fase do reparto de mascarillas

José Tomé Roca
Imaxe deputación de lugo

O persoal do Parque Móbil está a distribuír este venres preto de 72.000 unidades deste material que adquiriu a institución provincial con fondos propios para a protección dos veciños e veciñas da provincia ante o COVID-19

O Presidente avanza que cunha segunda fase de distribución, a Deputación pretende chegar ao 50% da poboación dos concellos con menos de 20.000 habitantes

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que este venres a entidade está desenvolvendo, a través do persoal do Parque Móbil, a primeira fase do reparto de mascarillas cirúrxicas para a protección dos veciños e veciñas da provincia fronte ao Covid-19, na que se entregarán preto de 72.000 unidades nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Deste xeito, só nesta primeira remesa, a institución provincial cubre co material que adquiriu con fondos propios máis do 30% da poboación total destes municipios, tal e como subliñou o Presidente, quen avanzou ademais que nunha segunda fase de distribución de mascarillas a Deputación pretende chegar ata o 50% da poboación destes concellos.

A distribución de material por municipios determinouse de maneira proporcional ao seu número de habitantes, tomando como referencia o 30% da súa poboación. As tarefas de reparto desenvólveas o persoal do Parque Móbil da Deputación con once vehículos, unha labor coordinada de tal forma que cobre todos os concellos nun día.  “Así garantimos que cheguen o máis pronto posible, porque canto antes cheguen, antes se poden organizar os concellos para distribuír todo o material de protección”, subliñou Tomé Roca. 

“Dende o Goberno da Deputación imos a seguir colaborando cos concellos para que os veciños e veciñas da provincia de Lugo estean o máis protexidos posible, e para lograr este obxectivo, en función de como evolucione a pandemia, dende a Deputación estaremos atentos a outras posibles colaboracións para o benestar de todos”, asegurou o Presidente.

“A Deputación é a institución máis próxima aos concellos, e polo tanto á veciñanza, e temos que estar con eles para afrontar a crise do coronavirus unidos e en total coordinación e cooperación, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliñou José Tomé. 

Pedido de material
A institución provincial realizou a semana pasada un pedido de 220.000 unidades de material hixiénico-sanitario de protección fronte ao coronavirus Covid-19. Tomé Roca asinou un decreto que ordena a contratación, mediante tramitación de emerxencia, do subministro dun total de 112.300 mascarillas, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos de 1 litro, por un importe de case 140.000€ con fondos propios.   

A Deputación diversificou a compra en tres empresas diferentes para minimizar riscos ante as dificultades que a saturación da demanda provoca no mercado. 

O Presidente explica que se adquiriu este material para a protección fronte ao virus do persoal propio da Deputación, das persoas usuarias dos servizos públicos que presta a institución, como son por exemplo os centros de atención a maiores de Pol, Trabada,  Ribadeo e A Fonsagrada, e para a súa distribución no conxunto da provincia.

En concreto, o pedido está composto por 100.000 mascarillas cirúrxicas, 12.000 mascarillas FFP2, 300 mascarillas FFP3, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos de 1 litro. A cantidade de material adquirida pola Deputación está amparada nun informe técnico elaborado polos servizos provinciais de Prevención de Riscos e Benestar Social no que determinaron as necesidades a cubrir. 

José Tomé manifesta que na Deputación “dedicamos todos os esforzos a combater os efectos da pandemia do coronavirus na nosa provincia, por iso estamos tomando medidas de forma continua  para frear e paliar o seu impacto negativo”.

Inxección de 32M€ nos concellos
A Deputación está respondendo á crise con iniciativas acordes coa súa función esencial de cooperación cos Concellos, dentro das súas competencias e cos recursos dos que dispón. Neste sentido, a institución xa mobilizou dende a declaración do Estado de Alarma recursos económicos para os municipios por máis de 32M€. 
Por unha banda, aprobou o Plan Único 2020, que inxectará de maneira directa nos 67 concellos da provincia 21,3 M€, e que foi adaptado polo Goberno provincial para que os municipios poidan cubrir con 10,6 M€ medidas sociais e económicas fronte ao coronavirus.
Tamén inxectou 11M€ co adianto dos pagos mensuais previstos ata xuño aos concellos que teñen delegada na institución a xestión de impostos municipais, o que lles proporcionará maior liquidez para o que consideren máis oportuno na súa realidade individual.