Deputación de Lugo
Formación
Innovación e TIC

O Presidente participa nas visitas didácticas do Servizo de Audiovisuais da Deputación

Servizo de Audiovisuais
Centro de formación audiovisual
presidente
O Presidente participa nas visitas didácticas do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou na visita didáctica que alumnos e alumnas do CPR Ferroviaria de Monforte de Lemos fixeron ás instalacións do Servizo de Audiovisuais. Ademais, o máximo responsable provincial asistiu á gravación do Ticodiario, un informativo de televisión presentado polos propios estudantes que, nesta ocasión, incluíu noticias sobre a candidatura da Ribeira Sacra como ben Patrimonio da Humanidade e o Club de Xinmasia Rítmica Quicela de Monforte.

Este grupo de alumnos de 4º de ESO fixeron un percorrido polos distintos departamentos, desde o arquivo e redacción, ata as salas de edición, as mesas de realización e son e os platós. Coñeceron de man dos profesionais como é o funcionamento de cada sección e o traballo en equipo necesario nun medio audiovisual. Ademais, os rapaces e rapazas recibiron información sobre os dous ciclos superiores de Realización e Produción que imparte o Centro de Formación do SdeA.

As visitas didácticas ao Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, que xa van pola súa oitava edición, están destinadas ao alumnado de Primaria e Secundaria de toda a provincia. Grazas a esta iniciativa, xa pasaron máis de 9.000 estudantes polas instalacións deste servizo da Deputación. O éxito reflíctese na alta demanda por parte dos colexios e institutos, que levou a ampliar a dous o número de días á semana destas visitas didácticas.