Deputación de Lugo
Emprego

A Deputación apoia un obradoiro que imparte a CEL en Viveiro co fin de facer máis competitivos os negocios de proximidade

Emprego
CEL
Formación
Viveiro
A xornada tamén se impartirá mañá venres no concello de Lugo co obxectivo de que se forme nestas habilidades o maior número de persoas da provincia de Lugo

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, acudiu esta mañá ao workshop Competitividade empresarial: desenvolvemento de novos modelos de negocio que organizou a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) en Viveiro. 

Loureiro destacou na inauguración deste taller de traballo que “é unha realidade que os mercados están cambiando continuamente e fannos a todos ter que tomar decisións e acoller novas ideas co fin último de diferenciar o noso negocio do resto”.  

A Deputada tamén puxo o foco en que iniciativas así “axúdanvos a aumentar a competitividade do comercio de proximidade, manter unha relación máis directa coa clientela e cos provedores, e adaptarse aos novos mercados”, explicou. “Dende a Deputación de Lugo continuaremos apoiando actividades coma esta porque cremos que axudan a dinamizar os negocios locais”.

Estes talleres inclúen entre os seus contidos cuestións como estratexia aplicada, control de xestión, dixitalización 4.0, sistemas de retención do talento e outras ferramentas de mellora, ademais de axudas públicas existentes neste ámbito ou casos prácticos de interese. 

Mañá venres, este mesmo workshop tamén se vai impartir no concello de Lugo co obxectivo de formar nestas habilidades ao maior número de persoas da provincia.