Deputación de Lugo
Turismo

O piloto Eduardo Iglesias, embaixador da marca turística Lugo Cambia no Rally Dakar 2020

Deputación de Lugo
turismo
Lugo Cambia
O Presidente da Deputación destacou a gran visibilidade que lle dá á provincia a participación do monfortino nesta cita, con mil millóns de espectadores potenciais a través da súa retransmisión para 190 países de todo o mundo

Sen apoios como o da Deputación non poderíamos competir no Dakar, así que tentaremos volver cunha medalla desta competición, que para min é un soño feito realidade”, asegurou Iglesias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado da tenente de alcalde de Monforte, Gloria Mª Prado, recibiu este martes no Pazo de San Marcos ao piloto de motos Eduardo Iglesias. O deportista portará a imaxe da marca turística Lugo Cambia creada pola institución provincial na competición do Rally Dakar na próxima edición, que se celebrará en xaneiro de 2020 en Arabia Saudita.

Durante a presentación desta colaboración da Deputación co piloto, por importe de 10.000€, Tomé Roca destacou a gran visibilidade que lle dá a provincia a participación de Iglesias nesta cita deportiva de proxección internacional, con mil millóns de espectadores potenciais a través da súa retransmisión nunhas 70 canles de televisión que se emiten en 190 países de todo o mundo. “Eduardo Iglesias será embaixador de Lugo Cambia, o que significa que temos por diante unha oportunidade excepcional, pois a nosa imaxe estará no foco de todos os competidores, dos equipos, dos afeccionados e dos medios de comunicación chegados de todas as partes do mundo”, sinalou o Presidente. Engadiu, ademais, que “el é o primeiro galego que nos represente no Rally Dakar na modalidade de motos, un feito que é un orgullo para toda a cidadanía”. 

Nas palabras que lle dedicou, o Presidente da Deputación recalcou a importancia promocional e turística de apoiar ao piloto monfortino nun evento de proxección e recoñecido prestixio internacional coma este. “Debemos aproveitar  este escenario idóneo para que se fixen en Lugo, porque temos un dos territorios máis ricos en patrimonio cultural, gastronómico e natural e temos que facerllo ver ao mundo” , explicou. 

O piloto Eduardo Iglesias destacou a relevancia que ten para el que a Deputación de Lugo apoie a súa participación no campionato. “Sen apoios así non poderíamos estar en Arabia Saudita competindo, así que tentaremos volver cunha medalla desta competición que para min é un soño feito realidade”, asegurou.