Deputación de Lugo
Emprego
Infraestruturas

A Deputación de Lugo investirá 190.000 € na renovación do firme da estrada que conecta Antas de Ulla con Santa Mariña

Xunta de Goberno
infraestruturas públicas
Rede provincial de estradas
Antas de Ulla
A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases dun concurso-oposición para o posto de Auxiliar do Arquivo e a solicitude dunha achega económica á Xunta para a contratación de catro axentes de emprego e desenvolvemento local

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este mércores o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo das obras de rehabilitación do firme da estrada LU-P-0302, que conecta Antas de Ulla con Santa Mariña e co límite coa provincia de Pontevedra. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que explicou que a Deputación investirá preto de 190.000 € para mellorar esta vía. “Os traballos consisten na reapertura de cunetas e na pavimentación, co estendido dunha capa de mestura de bituminosa en quente”. Estas actuacións realizaranse nun treito de case 5 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0,2 e 4,8 desta estrada. 

Nesta mesma sesión, tamén se lle deu o visto bo ao Plan de Prevención para a execución do contrato de conservación de estradas provinciais do lote 5, que inclúe os concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e Navia de Suarna. Este é o último paso deste contrato que inclúe 8 lotes por un importe de 6,4M€ para os vindeiros tres anos. 

En materia de emprego, a voceira socialista do Goberno informou de que hoxe se aprobaron as bases que rexerán o procedemento selectivo para a crear unha listaxe de emprego temporal para o posto de Auxiliar de Arquivo, para o cal se vai convocar un concurso-oposición.

Ademais, na orde do día de hoxe acordouse formular unha solicitude dunha achega económica á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación na Deputación de catro axentes de emprego e desenvolvemento local, dentro do compromiso da institución co fomento da inserción laboral. “Aprobouse tramitar a solicitude e tamén a memoria deste proxecto que ten un orzamento para as súas actuacións de preto de 200.000 €”, sinalou García Porto. 

Poxa de gando da Granxa Gayoso
Polo demais, a Xunta de Goberno deulle o visto e prace ao inicio da tramitación para unha poxa pública de varias cabezas de gando da Granxa Provincial Gayoso Castro. “Son 35 exemplares bovinos de raza cachena e 29 bovinos de raza frisoa, este será un proceso de concorrencia pública e a poxa realizaranse na propia Granxa”, sinalou a voceira socialista do Goberno.