Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos tínguese de rosa polo Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama

Asociación Española Contra o Cancro
Pazo de San Marcos
cancro
Imaxe deputación de lugo
Na fachada da Deputación colorase tamén un lazo emblemático e mañá membros do Goberno provincial participarán nun acto conmemorativo na Praza Maior de Lugo

A fachada do Pazo de San Marcos iluminarase mañá de cor rosa e nela instalarase un lazo conmemorativo como mostra de apoio da Deputación de Lugo á loita contra o cancro de mama. Con estes xestos, a institución provincial súmase á campaña de concienciación sobre esta doenza e sobre a importancia de acudir a controis e a probas para poder detectala a tempo, temas sobre os que este ano pon o foco a Asociación Española contra o Cancro no Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama.  

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliña que “queremos amosar o noso máis sincero apoio ás afectadas por esta enfermidade e aos seus familiares, e tamén reivindicar a importancia da prevención para atallar o problema dende o principio”. Tomé Roca lembra que “no que vai de ano 57 veciñas da provincia de Lugo morreron por esta doenza”, e engade que “se detectaron 280 novos casos neste 2019, pero os expertos insisten en que detectalo a tempo sitúa as posibilidades de curación no 100 %”.   

Mañá sábado, a Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana Abelleira, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participarán nun acto conmemorativo na Praza Maior de Lugo, ás 12.00 horas. Farase a lectura dun manifesto por parte da Asociación Española Contra o Cancro, formarase un lazo rosa con plantas e, logo, colocaranse esas plantas na muralla.