Deputación de Lugo
Infraestruturas

As obras do carril bici no Paseo do Rato obrigan a reordenar o tráfico na LU-P-2925

Carril Bici
Vías e Obras
Imaxe deputación de lugo
Ao longo das vindeiras dúas semanas realizaranse cortes de tráfico debidamente regulados entre ás 08:30 horas e as 20:30 horas. A día de hoxe xa se realizou a explanación e colocáronse os bordos e os muros de perpiaño

A Deputación de Lugo está a efectuar unha reordenación do tráfico na estrada provincial LU-P-2925, con motivo das obras de construción do carril bici no Paseo do Río Rato que obrigan a cortar treitos desta vía. Deste xeito, ao longo das vindeiras dúas semanas   realizaranse, entre as 08:30 horas e as 20:30 horas, cortes de tráfico debidamente regulados por semáforos. 

As obras comezaron a finais do verán e a día de hoxe, xa se acondicionou o terreo a través da explanación e colocáronse os bordos e os muros de perpiaño. Tras este proceso, realizarase a correspondente pavimentación e colocaranse as estruturas de madeira. Finalmente, pintarase o eixe do carril bici mediante unha marca viaria reflexiva branca e situarase a correspondente sinalización vertical. 

Deputación e Concello de Lugo destinan 505.600 euros para a realización destes traballos que permitirán poñer en valor este espazo, un dos escenarios naturais máis característicos e concorridos da cidade de Lugo. Ademais, as actuacións e materiais utilizados non afectarán á vexetación de ribeira do paseo do Rato, pois, tanto no propio paseo como nas plataformas, empregaranse materiais antiesbarrantes e respectuosos co medio ambiente e coa fauna da zona.