Deputación de Lugo
Medio ambiente

Preto de 80 participantes no Curso de Micoloxía organizado pola Deputación e a Sociedade Micolóxica Lucus

micoloxía
Medio Ambiente
fungos
cursos
O Deputado de Participación Cidadá e o Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, inauguraron este luns, no Pazo de San Marcos, esta acción formativa que se desenvolverá ao longo de toda a semana

García Pernas destacou que “a través deste obradoiro dámosvos a coñecer, os nosos cursos naturais, ao mesmo tempo que poñemos en valor a biodiversidade da provincia e a súa riqueza micolóxica”

A Sociedade Micolóxica Lucus, fundada no 2001, fomenta os valores naturais lucenses e achega esta ciencia á cidadanía a través de diferentes proxectos e actividades, como os cursos de micoloxía

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, e o Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, inauguraron este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, o Curso de Iniciación á Micoloxía, posto en marcha pola Deputación, a través da área de Medio Ambiente e en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus. Este obradoiro, no que participaron 76 persoas, enmárcase dentro da programación de actividades medioambientais e gratuítas que ofrece a institución provincial no Centro de Interpretación Terras do Miño. 

García Pernas deu a benvida aos participantes e sinalou que “o obxectivo deste curso é ofrecervos unha acción formativa completa e de calidade. Ao longo de toda a semana poderedes profundizar na gran variedade de especies de fungos cos que contamos na nosa provincia. Deste xeito, dámosvos a coñecer, os nosos recursos naturais, ao mesmo tempo que poñemos en valor a biodiversidade da provincia e a súa riqueza micolóxica.”

Este obradoiro que se celebra ata o sábado, inclúe un total de 11 horas de formación, divididas en 5 días de sesións teóricas, impartidas no Salón de Actos da Deputación; e unha xornada práctica, dunha duración de tres horas e media. Nesta saída ao campo, que terá lugar o sábado polos bosques próximos ao Centro de Interpretación Terras do Miño, os participantes coñecerán a importancia dos ecosistemas naturais; as boas prácticas a empregar na actividade micolóxica e a identificación das diferentes especies de cogomelos nos seus hábitats. 

 

Sociedade Micolóxica Lucus

A Sociedade fundouse en 2001 pola iniciativa dun grupo de afeccionados á micoloxía, cumpríndose ao fin un anhelo que tiñan moitos afeccionados en Lugo desde facía anos: unha asociación que canalizase todas as súas inquietudes no ámbito da micoloxía. Os obxectivos deste colectivo son fomentar os valores naturais lucenses e achegar esta ciencia á cidadanía coa posta en marcha de cursos de micoloxía. Un labor fundamental para fomentar a protección destas variedades micolóxicas e, sobre todo, evitar as intoxicacións por inxesta.