Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación apoia ao empresariado na súa reivindicación de electrificar a liña férrea entre Monforte e A Coruña

tren
Monforte de Lemos

O empresariado das provincias de Lugo e A Coruña trasladáronlle este luns ao Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a necesidade de que se electrifique na súa totalidade a liña básica de ferrocarril que une a capital da comarca de Lemos coa Coruña, pasando por Lugo.

En concreto, os líderes das patronais, Jaime López, da Confederación de Empresarios de Lugo, e Antonio Fontenla, da Confederación de Empresarios de A Coruña, reuníronse en Monforte co titular da Deputación lucense para traballar xuntos co apoio de dita institución pública para conseguir a electrificación íntegra dunha liña, actualmente en marcha ata Lugo, que consideran necesaria e fundamental para o transporte de mercadorías, especialmente dende os portos da Coruña e Ferrol tanto coa Meseta como con Europa.

O empresariado entende que Monforte ten potencialidade para converterse nunha plataforma loxística de primeiro nivel, polo que a electrificación da vía que une dita localidade coa Coruña suporía un gran apoio para o desenvolvemento da mesma.

Así mesmo, a patronal afirma que o eixo ferroviario Palencia-Monforte-A Coruña forma parte da denominada rede básica, polo que pode optar aos fondos europeos Conecta Europa para a súa rehabilitación e conexión co Corredor Atlántico, adaptándoa así ao ancho europeo e electrificándoa a 25KW para empezar a soportar tráfico de forma inmediata.

Tanto os empresarios de Lugo como os de A Coruña cren que é o momento oportuno de centrar esforzos en lograr redes de transporte eficientes e perfectamente interconectadas, así como interoperables e multimodais que garantan un fluxo correcto e eficiente tanto de pasaxeiros como de mercadorías.

Jaime López e Antonio Fontenla coincidiron co Presidente da Deputación lucense que investir en infraestruturas de conexión con Europa, non só afianzaría o crecemento empresarial, senón que axudaría a consolidar o desenvolvemento económico e a vertebración social da provincia.