Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación conmemora o Día do Turismo descubríndolle o Xeoparque do Courel aos máis pequenos

Pilar García Porto
Courel
Xeoparque
Xeoparque do Courel
A celebración será neste territorio, que inclúe os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, como recoñecemento ao labor exemplar dos últimos anos

García Porto destaca a importancia de que a Unesco distinguira o enclave entre os mellores do mundo, un feito que impulsa a zonae lle abre novas posibilidades

Os escolares do CEIP San Clodio percorrerán mañá a pé un treito da Ruta da Cubela acompañados das explicacións e referencias do arqueólogo Iván Álvarez Merayo

A Deputación de Lugo conmemora mañá, xoves, o Día Mundial do Turismo cunha actividade para os máis pequenos no Xeoparque do Courel, como sinal de recoñecemento das actuacións exemplares que se desenvolven neste enclave.Será unha actividade dirixida aos escolares do CEIP San Clodio, de Ribas de Sil, que coñecerán de preto os segredos e curiosidades que agocha este lugar con distintivo da Unesco. Asistirá a Deputada de Promoción do Territorio, Pilar García Porto; o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Sotuela, e diferentes membros do equipo de goberno deste concello. 

Con este xesto, o que se pretende é promover ao máximo as posibilidades educativas do patrimonio, e impulsar que se traballe co espazo natural que integran os concellos nos que viven as crianzasda provincia. Para iso, os escolares farán a pé un treito da Ruta da Cubela, partindo de Castro de Abaixo, na contorna de Augasmestas e continuarán ata un miradoiro. 

Nese percorrido,seguindo as explicacións do arqueólogo Iván Álvarez Merayo,  os rapaces e rapazas achegaranse ás paisaxes do Cañón do Sil, ás pegadas da minería romana, á arquitectura tradicional e á vexetación dende outra óptica, poñendo o foco nas características especiais que lle outorgaron a estas terras- pertencentes aos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel- a distinción de Xeoparque Mundial. 

É precisamente ese recoñecemento o que quere premiar a Deputación ao escoller este lugar como escenario de celebración do Día do Mundial do Turismo. De feito, durante máis de dez anos o organismo provincial involucrouse para que esa decisión histórica fose unha realidade, xa que supón un extraordinario pulo ao turismo da zona e abre novas posibilidades e oportunidades económicas para a poboación. 


A Deputación agasallará aos rapaces con mochilas institucionais e diferente material escolar, entre o que se inclúe o caderno Coloreando a provincia de Lugo, editado pola institución provincial, co obxectivo de que coñezan dun xeito máis dinámico as potencialidades turísticas do territorio lucense. Trátase dunha obra de Paula Mayor que permite facer un percorrido polos diferentes activos patrimoniais, culturais e turísticos a través de preto de 60 ilustracións. 


Liña estratéxica

A Ribeira Sacra é un destino cada vez máis atractivo para os visitantes, pero non é o único xa que nos últimos anos percíbese un incremento nas cifras turísticas no conxunto da provincia. Lugo ten un territorio amplo, que conta cunha oferta moi variada e, por iso, “ten capacidade para absorber o forte incremento que vén experimentando nos últimos anos, sen que por iso se vexa minguada a calidade dos recursos”, sinala a deputada de Promoción do territorio e Turismo, Pilar García Porto. 

“No Xeoparque do Courel vemos un exemplodo bo facer. E nesa liña o goberno da Deputación quere continuar traballando tamén noutras comarcas para a riqueza turística que posuímosnos 67 concellos de Lugo”, engade.  “Temos que aproveitar o tirón e a boa saúde da que goza o noso turismo para seguir avanzando, xa que se xeran oportunidades que supoñen unha potente ferramenta para fixar poboación no medio rural e combater a emigración cara outros territorios”, puntualiza.