Deputación de Lugo
Medio ambiente

A arquitectura vernácula é a protagonista das Xornadas de Bioconstrución na finca de San Xoán de Tor

Pilar García Porto
bioconstrución
San Xoan de Tor
Xornadas Bioconstrución
A iniciativa, que organiza a Asociación Galega para a Bioconstrución en colaboración coa Deputación de Lugo, ten lugar os días 13, 14 e 15 de setembro

Pilar García Porto, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, asegura no acto inaugural que “saber conservar as nosas construcións e manter o noso patrimonio crea oportunidades para o turismo na provincia”

A arquitectura vernácula é a protagonista estes días nas Xornadas de Bioconstrución que se están a celebrar na finca monfortina de San Xoán de Tor. A cita, organizada pola Asociación Galega para a Bioconstrución en colaboración coa Deputación de Lugo, ten lugar os días 13, 14 e 15 de setembro. Pilar García Porto, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, estivo acompañada no acto inaugural que tivo lugar esta tarde por Miguel Serrano Gómez e Macarena Outeiral, socios de ESPIGA, Asociación Galega para a Bioconstrucción.

“Saber conservar as nosas construcións e manter o noso patrimonio natural e etnográfico crea oportunidades para o turismo na provincia, un turismo máis ecolóxico e sustentable”, dixo García Porto. A responsable provincial explicou que as construcións tradicionais nacen nun lugar concreto e por unhas necesidades concretas, circunstancias que permiten que sexan máis sustentables e ecolóxicas porque ademais de usar materiais de proximidade axústanse a unha realidade garantindo a súa eficiencia ao tempo que se adaptan ao entorno.

É a sexta edición deste evento, que busca divulgar sobre o uso de materiais e técnicas con criterios de bioconstrución; informar sobre as calidades destes materiais e formar a técnicos, aplicadores, profesionais e expertos nas diferentes técnicas construtivas adecuadas a estes criterios.