Deputación de Lugo
Turismo

Son d’Aldea homenaxea aos maiores nun evento que traslada aos participantes aos anos 40 e 50

son d'aldea
Pilar García Porto
turismo
cultura
Palas de Rei
Presentación Son d'Aldea
Este evento pioneiro, que terá lugar o venres 6 e o sábado 7 de setembro, reunirá a unhas 500 persoas, que poderán desfrutar de actuacións musicais, rutas teatralizadas, conferencias, monólogos, demostracións de oficios ou unha mostra de artesanía

García Porto destacou que “poderemos vivir en primeira persoa como era a vida da aldea cando o rural era o motor da nosa economía e tradición; unha lembranza que aínda vive na memoria dos nosos maiores, homenaxeados nesta edición”

A Deputada de Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no Parladoiro de Arqueixal de Palas de Rei na presentación do evento Son d’Aldea, que terá lugar os días 6 e 7 de setembro. Durante o acto, estivo acompañada polo Alcalde da localidade, Pablo José Taboada Camoira, o presidente da Asociación Son d’Aldea, Afonso García Penas, e doutros membros da organización.

García Porto destacou que “este encontro permítenos vivir en primeira persoa como era a vida da aldea nos anos 40 e 50 e manter a lembranza de cando o rural era o motor da nosa economía e tradición; unha lembranza que aínda vive na memoria dos nosos maiores, homenaxeados nesta edición”.

Este evento pioneiro, reunirá a preto de 500 persoas na parroquia de Santiago de Alba. “Trátase do número máximo de entradas postas á venda pola organización para poder asegurar así unha experiencia de calidade que achegue aos participantes ao noso pasado, e que invite á reflexión e ao coñecemento”, explicou a Deputada.

Durante dous días os asistentes poderán desfrutar de gran variedade de actividades, como actuacións musicais, rutas teatralizadas, conferencias, monólogos, demostracións de oficios tradicionais ou a mostra de artesanía alimentaria. As entradas seguen á venda na páxina web http://sondaldea.es/reserva-prazas/.


Programa
Venres 6 de setembro:
- 16:30 horas: Recepción de participantes
- 17:00 Mesa redonda: As Persoas Maiores no Medio Rural
Conferenciantes:

  • Mª. Carmen Morán de Castro (USC): Animación sociocultural como estratexia educativa promotora da participación social.
  • Alberto Saco (UVigo): Os vellos no rural: Futuro e diversidade.
  • Raquel Vázquez Pérez (Universidade de Vigo): O mantemento da poboación maior no rural: Os servizos de proximidade.

- 20:00 horas: Presentación do libro: As novas na aldea, 2018
- 20:15 horas: Monólogo. “Daló de onde eu veño...”; CAXOTO (Felipe Díaz)
- 21:00 horas: Cea con produtos da aldea e encomenda.
- 22:00 horas: Actuación da Asociación Cultural “Palacio do Rei”

Sábado 7 de setembro:
- 09:30 horas: Recepción de participantes
- 10:00 horas: Roteiro teatral: Os Ollos da Experiencia
- 17:00 horas: Mostra de oficios artesáns e artesanía Alimentar Na Aldea e xogos populares con Xotramu.
- 20:00 Actuación: As Cantigas De Elena
- 21:00 Romaría con Os Melidaos