Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O mellor descenso de España volve a Sarria co apoio da Deputación

Descenso Urbano da Vila de Sarria
acrobacias
espectáculo
O mellor descenso de España volve a Sarria co apoio da Deputación
O VIII Descenso Urbano da Vila de Sarria terá lugar o sábado 13 e o domingo 14 de xullo. E participarán preto de 200 bikers

Rivera Capón destacou que “cada ano miles de persoas achéganse a desfrutar das acrobacias e do espectáculo, dinamizando a vila, ao tempo que fomentan o deporte base coa organización do Mini DHU”

Os nenos que participan na categoría Mini DHU percorrerán 200 metros con mini estruturas adaptadas para a realización de acrobacias. Os maiores deberán superar estruturas de madeira, escalinatas, troncos, un camión de butano, ou o salto desde unha casa. A inscrición segue aberta na web: http://emesports.es/

O Deputado de Deportes en funcións, Pablo Rivera Capón, o Concelleiro de Deportes do Concello de Sarria, Félix Seijas Fernández, e o Presidente do Clube DHG Galicia, David Somoza, presentaron este mércores, no Malecón da vila sarriana o VIII Descenso Urbano da Vila de Sarria, co que colabora o goberno provincial, e que terá lugar o sábado 13 e o domingo 14 de xullo.

Rivera Capón destacou que “este evento está considerado o mellor descenso urbano de España, ao que se achegan cada ano miles de persoas para desfrutar das acrobacias e do espectáculo, dinamizando a vila, ao tempo que fomentan o deporte base coa organización do Mini DHU”.

O descenso urbano contará con dous circuítos, no que participarán preto de 200 bikers. O Mini DHU, no que participan rapaces de entre 5 e 14 anos, terá un percorrido duns 200 metros, con mini estruturas adaptadas para a realización de acrobacias. Pola súa banda os maiores baixarán desde o Campo da Feira ao Malecón, un percorrido de 1,2 quilómetros en descenso continuo, e que transcorre por parte do Camiño de Santiago que atravesa a vila. Os ciclistas deberán superar moitos obstáculos como estruturas de madeira, escalinatas, troncos, un camión de butano, ou o salto desde unha casa. A inscrición segue aberta na web: http://emesports.es/


Horarios


Sábado 13 de xullo

- De 9:30 a 11:00 horas: Adestramentos de Mini DHU.
- 11:15 horas: Carreira Mini DHU.
- De 16:45 a 20:15 horas: Remonte e servizo de transporte
- De 17:00 a 21:00: Adestramentos DHU Vila de Sarria e recollida de dorsal.

Domingo 14 de xullo

- De 10:00 a 13:45 horas: Remonte e servizo de transporte.
- De 10:00 a 14:00 horas: Adestramentos DHU Vila de Sarria
- De 10:00 a 13:45 horas: Remonte e servizo de transporte
- 16:00 horas: Primeira manga.
- 17:30 horas: Segunda manga.
- 18:30 horas: Peche de carreira
- 19:00 horas: Entrega de premios, sorteo de agasallos .