Deputación de Lugo
Turismo

A praia de San Clodio reúne a centos de persoas na XVII Festa da Cereixa

Ribas de Sil
Festa da Cereixa e do Aceite
XVII Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil
Durante a fin de semana centos de persoas achegáronse a esta cita xa asentada na provincia na que se venderon máis de 2.000 quilos de cereixas e 300 litros de aceite

Neste encontro puidéronse degustar cereixas, a froita máis característica deste Concello, ademais doutros produtos autóctonos

O Presidente da Deputación en funcións, Darío Campos Conde, e o Deputado de Goberno Interior e Alcalde de Ribas de Sil en funcións, Miguel Ángel Sotuela Vega, asistiron, este domingo, á celebración da XVII Festa da Cereixa e do Aceite en Ribas de Sil. Durante a fin de semana vendéronse máis de 2.000 quilos de cereixas e 300 litros de aceite. A cita reuniu a centos de persoas que se animaron a desfrutar desta xornada. O evento gastronómico reuniu a 20 stands de produtos autóctonos do Concello de Ribas de Sil, entre eles 6 produtores de cereixas e aceites.

Campos Conde sinalou que “estas citas gastronómicas supoñen un reclamo para a Comarca por iso dende a Deputación gústanos colaborar con estes eventos, nos que se pode degustar a calidade dos produtos da nosa provincia. Con estas feiras tamén axudamos a dinamizar o comercio local.”

Durante a fin de semana celebráronse degustacións gastronómicas de cereixas, exposición de pinturas, partidos de fútbol, pasarrúas, demostracións de cantería e actuacións musicais a cargo do grupo de gaitas O Recanto e a actuación de Paco Nogueiras co espectáculo Radio Bulebule. O pregón da festa correu a cargo do fotógrafo José Antonio Arias Parga.