Deputación de Lugo
Formación

Preto de 30 alumnos rematan os cursos de capacitación en formación forestal e transformación da madeira

Formación
cursos
Forestal
Entrega de diplomas cursos de capacitación forestal
Este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos entregáronse os diplomas de dous cursos de capacitación postos en marcha polo Executivo Provincial enmarcados dentro do plan DesenvolvendORural

López Izquierdo sinalou que “respondemos a unha necesidade real de falta de persoal cualificado. A través destes cursos, máis de 50 persoas recibiron formación co fin de crear emprego no rural e buscar unha solución á problemática xeracional”

Os participantes nestes cursos recibiron formación teórica e práctica na que puideron manter contacto con empresarios deste sector que requiren de man de obra

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, participou, este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, na entrega de diplomas de dous cursos de capacitación profesional e gratuítos, postos en marcha polo Executivo Provincial. Trátase do remate dos obradoiros para a formación básica forestal, impartido por profesionais de ASEFOGA; e o curso para a formación en transformación da madeira, impartido por profesionais da Asociación de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo.

López Izquierdo sinalou que “con este acto poñemos fin a esta programación coa que respondemos así a unha necesidade real de falta de persoal cualificado no eido forestal. A través destes cursos, máis de 50 persoas recibiron preto de 900 horas de formación dende o mes de febreiro, co fin de crear emprego no rural e buscar unha solución á problemática xeracional que existe nestes ámbitos profesionais”.

Nas vindeiras semanas rematará o terceiro curso sobre formación para granxas de leite e carne impartida por Unións Agrarias. A través destes obradoiros de capacitación profesional, os participantes contaron con formación teórica e práctica na que puideron manter contacto con empresarios deste sector que requiren de man de obra. Estas accións formativas enmárcanse no plan DesenvolvendORural, dotado de 2,2 millóns de euros para xerar emprego e poñer en valor o rural.

 

Entrega de diplomas cursos de capacitación forestal