Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación asina o contrato de 1,8 millóns da limpeza, cociña e asistencia básica na residencia da Fonsagrada, que só agarda polo permiso da Xunta para poder abrir

a fonsagrada
Residencias
A Deputación asina o contrato da Residencia da Fonsagrada
Formalizado o contrato e rexeitada pola xustiza a solicitude de PP e non adscrito de paralizar a posta en funcionamento destas instalacións, o centro da maiores da Fonsagrada só agarda a que a Xunta conceda o PIA para poder abrir

25 maiores do Concello solicitaron praza. Pagarán en base a súa capacidade económica e recibirán axuda da Deputación senón contan con recursos económicos suficientes

O Presidente, Darío Campos Conde, informou que este luns a Deputación asinou o contrato das prestacións de limpeza, cociña e asistencia básica na residencia e centro de día da Fonsagrada. Está dotado de 1,8 millóns ata xuño de 2022. Formalizado este contrato e rexeitada pola xustiza a solicitude de PP e non adscrito de paralizar a posta en funcionamento destas instalacións, o centro da maiores fonsagradino só agarda a que a Xunta conceda o Permiso de Inicio de Actividade (PIA) para poder abrir. 25 maiores deste municipio da Montaña xa formalizaron a súa solicitude de acceso.

A Deputación pediu o PIA á Xunta en setembro de 2015. Dende entón, a administración galega foino demorando, requirindo ao organismo provincial máis e máis documentación. O pasado 18 de marzo, a Deputación remitiu á Xunta a última información solicitada. A día de hoxe, non hai resposta algunha por parte da Xunta.  

A entidade que resultou adxudicataria de ditas prestacións foi As Rodas, entidade da Fonsagrada que lideran 2 mulleres da zona e que actualmente se encarga do funcionamento das vivendas comunitarias que hai no municipio fonsagradino, garantindo experiencia e coñecemento do territorio e da poboación da Montaña.

Precisamente foi este contrato, fundamental para a posta en marcha do centro de maiores, o que o Partido Popular e non adscrito recorreron á xustiza, solicitando medidas cautelares para a súa inmediata paralización e así impedir a apertura da residencia da Fonsagrada. A xustiza díxolles non.

O centro de maiores da Fonsagrada ofrece 28 prazas de residencia. Deputación e Concello fixaron que teñen prioridade de acceso ás mesmas os veciños da Fonsagrada en primeiro lugar, os da Comarca da Montaña seguidamente e logo lucenses en xeral. O prezo da praza calcúlase en base á capacidade económica de cada usuario. Senón teñen recursos suficientes, a Deputación fináncialles a praza, garantido a todos os veciños o acceso universal ás mesmas. 25 veciños da Fonsagrada xa formalizaron a súa solicitude.