O CEIP de Antas de Ulla acolle un concerto da Tradescola con música tradicional
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, participou, este mércores no CEIP de Antas de Ulla, no concerto didáctico da Tradescola. A escola de música tradicional, xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, leva anos achegándolles aos nenos a cultura galega a través da mostra dos seus instrumentos, sons e ritmos tradicionais.
García Porto sinalou que “dende o Goberno Provincial apoiamos todo tipo de actividades e programacións culturais pois consideramos fundamental que a nosa cultura e tradición chegue ao maior número de persoas posible. A nosa colaboración coa Tradescola, é unha maneira de coñecer e aprender a nosa música tradicional dunha forma completamente lúdica e gratuíta”.
No concerto interpretáronse pezas tanto cantadas como musicais con todo tipo de instrumentos tradicionais tales como: gaitas, zanfonas, requintas, acordeóns, pandeiretas ou pandeiras
Tradescola
A Tradescola naceu no ano 2008 como un proxecto educativo creado pola Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegas, co apoio da Deputación de Lugo, para ofrecer unha formación integral para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música tradicional permitindo ao alumnado ter unha formación integral na música e no baile tradicional. Tradescola ofrece formación en varios instrumentos e tamén obradoiros, talleres e concertos didácticos por toda a Provincia.