Deputación de Lugo
Medio ambiente

Campos Conde recibe a Medalla de Prata por parte da Asociación de Pescadores da Ulloa

Medalla de Prata
Asociación de Pescadores da Ulloa
pesca
Ulloa
Campos Conde recibe a Medalla de Prata por parte da Asociación de Pescadores da Ulloa
O Presidente recibiu este distintivo, nun acto celebrado este sábado no Pazo de Luideiro, en Monterroso, enmarcado dentro do Memorial José Antonio Guerrero. Trátase dun recoñecemento ao seu traballo e apoio ao mundo da pesca

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, recibiu este sábado, no Pazo de Luideiro, de San Miguel de Penas, no Concello de Monterroso a Medalla de Prata da Ulloa, enmarcada dentro do Memorial José Antonio Guerrero. Este recoñecemento, entregado por parte da Asociación de Pescadores da Ulloa, é froito do interese e apoio por parte do Presidente ao mundo da pesca, tanto na Comarca da Ulloa como a nivel provincial. No acto tamén participou a Deputada de Cultura, Pilar García Porto.

Campos Conde subliñou que “é para min unha honra recibir un recoñecemento coma este, pois a través de numerosas actuacións atópome persoalmente ligado ao mundo da pesca. Dende o Goberno da Deputación, sumamos esforzos para manter este sector activo: colaborando por exemplo, coa Festa da Troita, organizando cursos de iniciación á pesca, ou xornadas, entre outras iniciativas.  Ademais na nosa provincia, existe unha importante afección ao mundo da pesca, o que supón sen dúbida un revulsivo económico e turístico”.

A Asociación de Pescadores da Ulloa celebra dende hai 19 anos un concurso de pesca sen morte para os socios da entidade, premiando ás tres mellores pezas. Dende hai varios anos leva o nome de José Antonio Guerreiro, en homenaxe  ao presidente fundador desta sociedade. O Executivo da Deputación colabora con esta entidade cunha achega económica de 6.000 euros, co fin de poñer valor o traballo da asociación de pescadores e calidade dos rios da comarca da Ulloa.

 

Campos Conde recibe a Medalla de Prata por parte da Asociación de Pescadores da Ulloa