Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación ofrece formación gratuíta para certificarse como guía de Turismo Científico OBSERVER dos Ancares e O Courel

guia observer
Ancares
Courel
Devesa da Rogueira
Os Guías Observer das Montañas de Ancares e O Courel son profesionais capacitados para desenvolver accións de Turismo Científico nestes espazos naturais recentemente acreditados por OBSERVER, grazas a un proxecto impulsado pola Deputación

A formación é gratuíta e será os días 29 e 30 de abril en Lugo e os días 6 e 7 de maio no Concello de Quiroga. Para a obtención do certificado será obrigatorio asistir a un mínimo de 25 horas formativas e superar unha proba final

O curso diríxese a persoas que desexen especializarse en Turismo Científico para guiar grupos e divulgar os recursos naturais de calquera disciplina científica: botánica, xeoloxía, zooloxía...nestes dous espazos naturais da provincia

Os interesados poden inscribirse no email guias@observersciencetourism.com indicando: nome e apelidos, DNI, e motivo polo que está interesado neste curso

O Goberno da Deputación ofrecerá formación para capacitar a profesionais como Guías OBSERVER de Turismo Científico nas Montañas de Ancares e Courel. Os destinos con esta distinción da provincia, disporán así de guías acreditados por OBSERVER, con coñecementos específicos para guiar a grupos e explicar os valores e recursos destes espazos naturais desde unha óptima vinculada a calquera disciplina da ciencia como a botánica, a zooloxía ou a xeoloxía entre outras. A formación ten unha duración de 30 horas e é gratuíta. Será os días 29 e 30 de abril en Lugo e os días 6 e 7 de maio no Concello de Quiroga. O prazo de inscrición xa está aberto a través do correo electrónico guias@observersciencetourism.com.

Os contidos do curso están deseñados para que o alumnado desenvolva de xeito eficaz actividades de Turismo Científico nestes espazos de gran riqueza natural. Os participantes afondarán nos principios e a historia do Turismo Científico e do ecoturismo, lexislación, figuras legais de protección así como os recursos naturais e culturais de Ancares e Courel. Tamén recibirán aprendizaxe en metodoloxías para deseñar actividades; dinámicas de grupo, atención ao público e estratexias e técnicas interpretativas. Achegaránselles materiais propios sobre estes espazos protexidos, documentos de apoio e exercicios.

Os destinos de Turismo Científico OBSERVER son espazos naturais protexidos que desenvolven un modelo turístico pensado especialmente para divulgar os seus valores naturais e conservalos. Recentemente, o enclave natural dos Ancares e o Courel recibiu a certificación Reserva Observer Turismo Científico que avala o potencial deste territorio como reserva científica. Trátase dun proxecto impulsado polo organismo provincial en para o que achegou preto de 70.000 euros cos que impulsar un turismo sostible. 

Destinatarios
O curso diríxese especialmente a profesionais e empresas do sector situadas na contorna socio-económica de Ancares e Courel. Tamén poden participar outras persoas que pretendan desenvolver o seu traballo nese mesmo territorio e precisen formarse e especializarse en Turismo Científico para guiar e divulgar os valores desta zona, concienciar para a súa conservación e dinamizar grupos neste espazo protexido.

Lugar de celebración e obtención do certificado
O curso desenvolverase en horario de mañá e tarde os días 29 e 30 de abril en Lugo, na Aula NORVET da Facultade de Veterinaria da USC do Campus, e os días 6 e 7 de maio no Concello de Quiroga, no Aula CEMIT da Casa da Cultura. A formación terá unha duración de 30 horas e é totalmente gratuíta. Para a obtención do certificado será obrigatorio asistir a un mínimo de 25 horas formativas e superar unha proba final.

As prazas son limitadas. As persoas interesadas poden inscribirse no email guias@observersciencetourism.com indicando: nome e apelidos, DNI, e motivo polo que está interesado neste curso. Pódese obter máis información nos teléfonos 881 97 96 30/ 677 347 259.

Ancares e Courel, Espazo Observer Turismo Científico
As montañas dos Ancares e Courel recibiron recentemente a certificación Espazo Observer Turismo Científico que avala o potencial deste territorio como reserva científica grazas a un proxecto impulsado polo organismo provincial en agosto de 2018. Este distintivo permitirá desenvolver unha estratexia con preto de 10 accións a desenvolver ata agosto de 2019, para impulsar estes recursos naturais e facer divulgación científica.

O Turismo Científico confórmase como un modelo que permite crear conexións sostibles entre o turismo, a conservación da biodiversidade e a ciencia en espazos protexidos como son as montañas de Ancares e O Courel. Ao mesmo tempo, este tipo de turismo vencellado á ciencia supón un motor de desenvolvemento económico cun importante efecto multiplicador para os concellos que integran o territorio

Este proxecto abrangue aos 16 concellos integrados no territorio: Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. En total, o territorio cobre 102.635 hectáreas entre Os Ancares e O Courel na que será a maior zona de estudo científico de Galicia.