Deputación de Lugo

O XIV Salón do Automóbil congregará a preto de 15.000 persoas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

salón automóbil
pazo de feiras
darío campos
Salón do automóbil
- Campos Conde, Méndez López e Rodríguez López participaron este venres na inauguración do encontro, no que participarán a totalidade dos concesionarios lucenses
- A cita terá lugar este venres, sábado e domingo na capital luguesa e terá continuidade a vindeira fin de semana, coa celebración da Feira do vehículo de ocasión e quilómetro 0
- Na anterior edición, adquiríronse máis de 250 vehículos, acadando un volume de negocio próximo aos 4 millóns de euros. Así, este encontro supón un importante revulsivo económico para un sector que dá emprego a 2.000 familias lucenses

O Presidente, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez López, e o Xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López Fernández, inauguraron este venres o XIV Salón do Automóbil de Lugo. O evento terá lugar este venres, sábado e domingo na capital luguesa e terá continuidade a vindeira fin de semana, coa celebración da Feira do vehículo de ocasión e quilómetro 0.

Campos Conde subliñou que “grazas a esta cita, Lugo converterase durante a fin de semana na capital do motor coa participación, por primeira vez, de todos os concesionarios oficiais da cidade: ata 33 marcas estarán expostas ao longo dos 10.000 metros cadrados destas magníficas instalacións; máis de 400 vehículos novos con descontos que poden acadar ata os 9.000 euros. Sen dúbida, un suculento reclamo para que cada vez máis veciños e visitantes se acheguen a participar neste encontro”.

“De feito, o Salón do Automóbil crece ano tras ano. Na pasada edición acadáronse os 13.000 visitantes, supoñendo un incremento do 13% respecto á anterior anualidade; e, nesta ocasión, estou seguro de que lograremos superar esa cifra, chegando aos 15.000 asistentes”, afirmou.

“Neste senso, penso que é de xustiza recoñecer o traballo dos organizadores e dos preto de 50 profesionais, que durante estes días atenderán ao público e asesorarán aos posibles compradores. Todos eles fan que, como dicía, este evento sexa xa un referente na nosa comunidade”, apuntou.

Así o demostran tamén as cifras de ventas.  Na anterior edición, adquiríronse máis de 250 vehículos, acadando un volume de negocio próximo aos 4 millóns de euros. Polo tanto, este encontro supón un importante revulsivo económico para o sector do automóbil na provincia. Un sector que dá emprego a 2.000 familias lucenses.