Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Ribadeo financian a partes iguais a rehabilitación do Pepe Barrera e piden á Xunta que faga o mesmo

Ribadeo
Deportes
Fútbol
Rehabilitación do campo de fútbol de Ribadeo
Así o explicaron Campos Conde e Suárez Barcia no acto de presentación do proxecto básico para a mellora desta infraestrutura municipal, ao que declinou ir á Xunta, e no que participaron representantes da SD Ribadeo e do Ribadeo FC

Solicitan a que a Xunta de Galicia, administración coas competencias directas, colabore coa mesma cantidade que Deputación e Concello, 140.000 euros, co fin de que as 3 institucións financien a partes iguais este proxecto, dotado de 420.000 euros

Contempla a rehabilitación integral do campo a través de traballos de drenaxe e repisado do chan, dotación de herba natural; e melloras nos vestiarios e nas gradas

O Presidente, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, acordaron este martes financiar a partes iguais a rehabilitación integral do campo municipal Pepe Barrera e solicitar á  Xunta de Galicia, que é a administración coas competencias directas na materia, que cando menos faga o mesmo.

Este acordo contempla a achega de 140.000 euros por parte de cada administración, sumando entre as 2 un investimento de 280.000 euros. Solicitan polo tanto que o Goberno Galego destine os 140.000 euros restantes, co obxectivo de acadar o orzamento de 420.000 euros necesarios para a execución destes traballos. Deste xeito, as 3 administracións públicas participarán a partes iguais neste proxecto (33%).   

Así o explicaron Campos Conde e Fernández Barcia no acto de presentación do proxecto básico para a rehabilitación do terreo de xogo desta infraestrutura municipal, no que participaron os representantes da Sociedade Deportiva Ribadeo e do Ribadeo Fútbol Club, e ao que non asistiu ningún representante da Xunta de Galicia.

O campo de fútbol municipal Pepe Barrera é unha dotación deportiva empregada de xeito habitual por máis de 150 deportistas que adestran e xogan os seus partidos neste espazo. A través deste proxecto, búscase realizar unha rehabilitación integral do terreo de xogo para evitar, principalmente, as acumulacións de auga que impiden que se poida empregar o campo con normalidade.

Para elo, executaranse traballos de drenaxe cos que mellorar o desaugue do terreo e nivelarase o chan, poñendo fin á diferenza de case un metro que existe entre as esquinas do campo. O terreo dotarase de herba natural. Ademais, o proxecto contempla actuacións de mellora dos vestiarios e das gradas.